Sunday 28 de April de 2024

Lousame aproba por unanimidade investir 20.000 € dos restos do POS Complementario en substituír as galerías da casa consistorial


 

Lousame celebrou esta mañá unha sesión plenaria extraordinaria na que tres dos seus catro puntos foron aprobados por unanimidade e sen debate. Así, o pleno municipal acordou solicitar a aplicación dos restos da achega provincial non usados na primeira fase do POS Complementario 2019 ao subministro e colocación de galerías para a casa consistorial.

Un proxecto que conta cun orzamento de 20.715 euros, que se agarda cubrir coa achega da Deputación pero, en caso contrario, sería asumido polo Concello de Lousame con fondos propios. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que “as galerías están moi vellas e por elas pérdese calefacción e entra auga, o que fai apodrecer a madeira”.

A unanimidade mantívose á hora de aprobar os Festivos Locais para 2020 (luns 10 de agosto, San Lourenzo; e venres 2 de outubro, San Roquiño) e un suplemento de crédito de 2.488 euros, que estaba orzamentado para a compra de arquivadores e que sobrou da compra, polo que se reintegrará ao Remanente de Tesourería.

Finalmente, o pleno aprobou o réxime retributivo por incapacidade temporal dos cargos electos con dedicacións exclusiva e parcial, ou licenza por enfermidade, que recibirán un complemento retributivo dende o primeiro día que, sumado á prestación do réxime da Seguridade Social, alcance o 100% da retribución fixas ordinarias dende o mes de inicio. Neste sentido, Villaverde apuntou que este cambio “non afecta a quen lles fala porque estou noutro réxime diferente”. A medida aprobouse co apoio do PP e do BNG, e coa abstención do PSOE.